Polas terras do Cáucaso

14-28 de xullo de 2026
(resumo da bitácora de viaxe)


Polos camiños de Svaneti

Chegamos a Kutaisi de madrugada. O pequeno aeroporto sorpréndeme pola súa condición inusualmente humanizada fronte aos grandes non-lugares destinados a converter os pasaxeiros en simples unidades de consumo en tránsito. Ao día seguinte emprendemos camiño cara a Mestia, atravesando estradas de firme irregular, vacas, cabalos e porcos que circulan con absoluta liberdade e condutores que realizan verdadeiras coreografías improvisadas. Todo consiste en acostumarse ás prácticas locais, se non de condución si de reacción. Aprendizaxe por habituación: ese é o produto de calquera viaxe.

Mestia introdúcenos na paisaxe de Svaneti: montañas, bosques, ríos caudalosos, néboa, neve e unha arquitectura tradicional na que pedra e madeira conviven con construcións recentes. Comezamos o trekking por Chvaviani, Adishi e Khalde. Os camiños atravesan fragas de carballos, faias, bidueiros, freixos e abeleiras que van dando paso ás coníferas; máis arriba aparecen pradeiras florecidas, ríos e cumios nevados. A contemplación destas flores, cada especie coa súa forma e cor e todas elas formando un mosaico, é unha experiencia psíquica singular . A beleza está nas partes e no todo.


Pero a paisaxe non é só natureza. Nas aldeas observamos a convivencia entre formas tradicionais de vida, baseadas na gandaría e na agricultura, e novas construcións destinadas ao turismo. O aumento dos visitantes proporciona ingresos e oportunidades, pero acelera tamén a descomposición dunha economía rural baseada na autoprodución e no relativo illamento. O paradoxo é evidente: aquilo que atrae o visitante é precisamente o que o turismo pode acabar destruíndo.

As antigas torres defensivas de Svaneti, os vínculos familiares e o carácter resistente do pobo xeorxiano remiten a unha historia marcada polas invasións e pola defensa da propia singularidade. Paseamos por aldeas rehumanizadas, en parte decrépitas e en parte anovadas, afastadas dos centros de decisión. Ese caos exótico aínda nos atrae porque conserva algo que as paisaxes van perdendo arreo de modo irremediable e xeneralizado: unha singularidade non completamente sometida á homoxeneización. E inevitablemente penso na nosa propia transformación. Tamén na nosa terra desapareceron modos de produción, autoxestión e comunidade; cambiaron a paisaxe e a paisanaxe. As filloas, as vacas, o monte, o viño, a fala, os versos: todo mudou. Xa coñecemos o conto.
 

A etapa raíña, de Adishi ao paso de Chkhutnieri, lévanos até os 2.720 metros. Hai que vadear o río e ascender por unha paisaxe de enorme beleza. No paso, diante do Tetnuldi e do glaciar de Adishi, a insignificante situación existencial de quen contempla tanta magnitude queda impregnada dun sentimento de reconciliación. Despois chega o descenso entre herba, flores, bosques e regueiros. O cansazo é considerable, pero o grupo mantén un ambiente alegre que facilita o trance.
A tormenta obríganos ao día seguinte a abandonar parte do camiño e continuar en furgoneta cara a Ushguli, a poboación permanente máis alta do continente europeo. A viaxe, entre barro, baches, desprendementos e choiva torrencial, convértese nunha aventura entre divertida e histérica. En Mestia é o lugar da celebración final, o punto e seguido cara a outra nova fase.


Xeorxia sobre rodas























De volta a Kutaisi percorremos o mercado central, talvez un dos lugares onde percibo con máis intensidade a dimensión comunitaria da vida xeorxiana. Vendedores, compradores, voces, mercadorías, froitas, verduras, carne, peixe, reparacións, barberías, xoierías: unha rede social en acción. É un regreso fugaz ao logos tecido polas voces múltiples dunha colectividade que aínda se recoñece, se toca e fala. Máis tarde visitamos Tskaltubo e os seus antigos balnearios soviéticos. O contraste entre os edificios en funcionamento e as ruínas abandonadas provoca unha estraña fascinación, un sentimento de beleza resultado da decrepitude e da desolación. As humidades, as paredes descunchadas, as portas estomballadas, o esqueleto dun piano e os restos dunha antiga monumentalidade convértense tamén en materia estética e fotográfica.

Continuamos cara a Tbilisi e despois por Mtskheta e a estrada militar até Stepantsminda. O turismo aparece novamente como forza transformadora: restaurantes, souvenirs, transporte, aventura, artesanía. A paisaxe urbana e rural convértese progresivamente nunha economía de servizos. Nós mesmos formamos parte desa onda homoxeneizadora que contemplamos con certa distancia crítica bipolar.

 

En Tbilisi visitamos a Galería Nacional para contemplar a obra de Nico Pirosmani, o pintor autodidacta que viviu na miseria e que hoxe é convertido en símbolo cultural de Xeorxia. A cidade mestura arquitectura, turistas, veciñanza e unha actividade urbana determinada polo fluxo constante de visitantes. Percorremos tamén mercados, prazas, igrexas, baños e rúas nas que o vello e o novo conviven nunha caótica harmonía.

Os últimos días lévannos a Buriani e ao bosque de Sabaduri. A paisaxe volve impoñerse como a experiencia máis intensa da viaxe: bosque, auga, altas montañas, pradeiras florecidas e luz. É algo que remove o ser. A estadía na casa de Anis, a comida abundante, a dificultade da comunicación e a convivencia con outros viaxeiros ofrecen outro dos pequenos episodios de humanidade que van construíndo o relato.

En Gori visitamos finalmente o museo de Stalin. A exposición presenta unha visión haxiográfica e laudatoria do ditador, cunha presenza moi limitada da represión, do gulag e da violencia estalinista. Un pequeno espazo lateral conserva algunhas evidencias das vítimas, pero o conxunto segue orientado á exaltación do personaxe. Fotografo as imaxes pensando xa na súa posible utilización como material de colaxe.


 O día 27 reencontrámonos en Kutaisi. Unha última cea, tres litros de cervexa, comida abundante e o cansazo propio dunha viaxe que chega ao seu remate. Ao día seguinte emprendemos o regreso. Durante o voo retomo unha lectura inacabada e o meu particular xogo de neopalabras. Aterramos en Madrid e agardamos outro avión que nos devolva a Compostela. Chegar á casa ten algo de definitivo e reparador.

Comentarios