Son Ana, Bruma, Antón, Bego, Davide, Diego, Mar, María, Marián, Miguel Ángel, Rosalía, Paula P, Paula S e Pepa.
Atopámonos no Obradoiro de performance convocado por Plataforma, Festival de Artes Performativas de Compostela.
Baixo a dirección de Ana Gesto, familiarizámonos cos elementos básicos da performance: o espazo, o tempo e a presenza, dun modo práctico, participativo e interactivo. Traballamos tamén coa idea, coa materia, co contexto, co proceso. Cos obxectos cotiáns e co espazo que habitamos. E o resultado desta reflexión activa, que acabou tomando a forma de performance, fixémolo público na Alameda.
Catorce persoas, catorce performances individuais construídas a partir da descontextualización do uso dun obxecto da nosa vida cotiá, e dúas accións colectivas, de inicio e de peche, que mediron tamén o nivel de compromiso de todo o grupo.
Cada acción individual concíbese como un exercicio de introspección e de observación da realidade. A súa intensidade emocional procede de seren apostas persoais, químicas de risco, xogos infantís sobre o baleiro. Pequenos saltos ao descoñecido que, cando son compartidos, deixan de dar tanto medo.
E aí aparece o grupo.
O grupo observa, confronta, reflexiona, comparte. Axuda, acompaña, espera. Aprende a mirar o que fai o outro e tamén a deixalo facer. De aí vén ese espírito colectivo de coidado e amor mutuo e esa alegría coa que entramos e saímos desta escola.
Paula dixo que saía pensando: «Quero vivir nun taller de performance de Ana Gesto». Eu propuxen constituír unha secta. Non sei se hai sectas creativas. Estaría encantado de ser o crédulo e practicante que nunca fun.
E logo están as individualidades. Todas xuntas, pero tamén unha a unha. Cada unha co seu propio contexto, coa súa diferente formación e tamén con diferentes idades. E todas cunha mesma vocación creativa, cun bichoquiño inquilino no máis profundo que nos fai felices de vez. Nótase este punto ás leguas.
Dise que os tolos positivos acaban xuntándose. O azar pode ser alguén que ri.
Quizais por iso estes tres días teñan algo de excepcional. Porque a performance é efémera, sucede unha vez e desaparece. Pero ás veces o que desaparece é precisamente o que queda. Unha acción, unha mirada, unha complicidade, unha pelota que vai e vén. Un grupo de persoas que ata hai tres días non se coñecían e que agora xa teñen algo en común que non existía antes.
E se imos aos detalles, a cousa faise aínda máis cariñosa.
Ter de profe a Ana Gesto e de compañeiro de pupitre a Antón Reixa. Saír ao recreo e botar unhas patadiñas á pelota ou xogar ao brilé, tanto ten. Compartir o bocadillo. Botarnos as mans polo lombo. Volver ser un pouco neno, un pouco artista e un pouco tolo no deleite da inspiración. Sen medo. Ana e Antón coidan de nós.

Comentarios
Publicar un comentario