Escoito Sueño con serpientes cos ollos pechados. Sinto un arrepío pola pel que vai dos pés ata o peito e provoca as bágoas. As bágoas veñen de lonxe, dun lugar remoto do que nace a nostalxia que me devolve a imaxe dun neno inocente e feliz que rondaba os catorce anos. E semella que, a esa idade tan temperá, todos os acontecementos importantes da miña vida posterior xa sucederan aquí. Tantas cousas aconteceron que resultaría máxico e, por tanto, pouco crible que as fose enumerando. Case todas elas vividas co meu inseparable amigo Paco, mais tamén o mundo se me foi agrandando por obra do azar e da curiosidade, e chegaron á miña vida outras persoas procedentes doutras partes da realidade. Medrar é perder rastros e rostros que antes eran casa e paisaxe.
Os catorce supuxeron o cambio de ciclo educativo, un cambio radical que deixou unha forte pegada en todos aqueles que continuamos os estudos no instituto de Padrón: as novas amizades, os novos espazos de lecer, os ecos da efervescencia política da transición, as novas preocupacións, o descubrimento da sexualidade compartida e, como non, unha nova música ligada a un novo ciclo existencial que se estendía máis aló do círculo familiar. Algo moi intenso aparecía fronte aos meus ollos. Dentro e fóra da escola todo era denso e bipolar, tanto como os ecos dos rosarios e himnos que confundían as letras de The Beatles. Pero todo é discutible á luz do tempo.
Hoxe é inconcibible que un neno coma min viaxase só no expreso nocturno con destino a Madrid, tan ateigado de xente, de fume e de ruído. Arganda del Rey foi daquela destino e desenlace dun conflito que significou para min unha verdadeira experiencia iniciática en moitos aspectos, tamén no musical.
Chegar a Arganda foi tanto como arribar a outro mundo, a outra circunstancia. A vila comezaba a mudar de forma e de contido. A periferia da capital reunía tamén, dun xeito inestable, a ruptura antifranquista e a casposa tradición nacionalcatólica. Pero había unha distancia abismal respecto das nosas vilas, como se a inercia xeral do nacionalcatolicismo fose máis densa, máis obstinada nos extremos. E puxen todo da miña parte nesta nova descuberta, tanto que me cría maior. Tanto que mesmo fumaba. A miña fachendosa actitude de neno liberado, convertido en homiño nunha noite de lúa chea, resultaba insultante. No plano moral, o neno que era dera un salto ao baleiro: da moral católica e rigorista á permisividade máis temeraria. A imaxe máis patética que o ilustra é a miña, pitillo en man, de sobremesa, entre adultos que me acollían e que preguntaban se meus pais o toleraban. Fumar expresaba a dicotomía temporal e moral daquel tempo. Fumar en calquera lugar, en toda circunstancia, a calquera idade. Fumar era madurar, era ser libre, tanto como a nova música.
Na casa dos Nicos gozaban dun nivel de vida desafogado. Non en van, xa practicaban o turismo de verán e viaxaban dun punto cardinal a outro nuns coches que a min me parecían sobredimensionados. O seu negocio familiar era a venda de mobles. Á parte do coche, o signo de prosperidade víase na discoteca privada gardada no moble do salón, que eu nunca tal vira: un gran moble que contiña unha colección variada e actualizada da nova música daquel tempo, na que había grupos do que se dera en chamar rock urbano, varios cantautores e versos soltos como Hilario Camacho e, como non, Silvio Rodríguez.
Al final de este viaje foi un dos poucos discos cuxas letras fun memorizando arreo, sen saber moi ben a que desexos e intencións respondían, se a un exceso romántico ou a unha declaración política. Alén diso, podo dicir que é un dos tres discos máis importantes da miña vida. Á volta a Cesures, volvín loucamente namorado e cargado de tesouros inmateriais que me acompañaron durante moitos anos. Esa é a forza emocional das miñas preferencias musicais, a pegada que Silvio deixou en min desde ben cedo, tan forte como a primeira escoita de Adiós ríos, adiós fontes, na voz de Amancio Prada, tan intensa e exaltada que me fixo chorar por vez primeira. Ese é a forza íntima da música, a capacidade para activar, onte e hoxe, a sensibilidade máis recóndita que á fin é nostalxia.
Esta música, e particularmente a de Silvio, foise transmitindo de escoita en escoita a través das cintas de casete que intercambiabamos ou simplemente copiamos con absoluta naturalidade. O son medraba entre os labios, amplificábase entre as voces que confluían no canto e na emoción da poesía. Porque Silvio é a poesía, é a verba expandida que rememora e reivindica. Eu, fanático de Ojalá ou de La canción del elegido, entoaba un cántico, un himno que prometía o eterno nese instante, a beleza compartida e presente. Eu era un refén do sentimental máis ca do político, era máis namoradizo ca comprometido, nunha idade sen reparos.
Silvio trouxo noticias dun mundo inocente e esperanzado no que vivín e clamou contra a ignominia de hoxe. Maioritariamente, o público que asistía ao concerto superaba os cincuenta anos. O compromiso tinguíase de nostalxia. Non sei ben se as consignas coreadas no interior do Coliseum eran actualizacións dun vello impulso contestatario ou simplemente a expresión de males enquistados que aínda perviven. En todo caso, o concerto foi un auténtico éxito e os artistas corresponderon os prolongados aplausos con dous bises que subiron aínda máis a temperatura emocional do recinto.
Ao remate, envío unha mensaxe de audio a Manolo, un vello amigo e compañeiro do instituto, con quen compartín esa idade estraña, guiada por intensas emocións, que hoxe lembrabamos, e tamén a devoción polo cantautor cubano. Devólveme cariñosamente un longo audio de ton melancólico que fala do que foi e do que está a ser, e un artigo do xornal que destila tamén ese agrio sentimento de perda e nostalxia común á vellez, que o autor converte, non obstante, en superioridade moral fronte a unha nova adolescencia socializada nas redes. Para min, permitídeme, trátase dunha nostalxia restauradora que nada restaura. Non se pode. En parte é mágoa, en parte arrepío.

.jpeg)
Comentarios
Publicar un comentario