Cálculo aporofóbico


Aporofobia (do grego aporós, pobre, e fobia, desprezo). Resulta particularmente curioso que este termo fose inventado hai tan pouco tempo. A autoría nominal correspóndelle á filósofa española Adela Cortina, catedrática de ética e filosofía política hoxe retirada. O neoloxismo naceu do interese por desvelar a natureza do desprezo polas persoas pobres, daquelas que carecen de recursos. Ao tempo, tamén expresou a necesidade de visibilizar un fenómeno ético e político que non deixa de ter protagonismo nas sociedades contemporáneas. Nomear, como xa se sabe, é a primeira forma de substancializar un fenómeno que permanece oculto baixo a normalidade histórica ou que agocha a súa verdadeira esencia baixo diferentes máscaras.

Neste caso, moitas condutas sociais disfrazadas de racismo ocultan esta substancia aporofóbica. E non hai máis que botar man do trato dispensado —derivado da conveniencia económica— aos xeques do Golfo, para quen non existen fronteiras, ou aos futbolistas chegados de fóra, convertidos en estrelas mediáticas exemplarizantes ao servizo das grandes corporacións do consumo. Pola contra, se imos ao espazo urbano cotián, asistimos á negación física e simbólica do pobre no espazo público, con barreiras arquitectónicas que impiden o descanso ou a actividade das persoas obrigadas a vivir na rúa. Sobran exemplos que, non obstante, deben ser observados desde unha especial actitude xa non digo solidaria, senón neutra, sinxelamente.

A pouco que nos interesemos pola historia das relacións culturais entre os grupos humanos, atoparemos innumerables exemplos dunha violenta desvantaxe e do seu carácter asimétrico. As diferenzas son, basicamente, económicas; as diferenzas culturais non deixan de ser máis ca o seu reflexo superestrutural. O aparello ideolóxico ponse ao servizo do poder económico e político co obxecto de xustificar ese interese material, esa primeira e fundacional expropiación que un país lle fai a outro segundo un plan. País anceia país. País conquista país. País domina país. Do que se trata é de buscar unha escusa fundada, loxicamente coherente para o sistema cultural dominante, que sirva de coartada. O outro, o diferente, queda convertido en salvaxe, ignorante, idólatra, indíxena, atrasado, subdesenvolvido ou en vías de desenvolvemento... depende do momento e do que se queira ocultar.

Alguén traza unha escala, unha liña gradual, unha vía progresiva que establece as diferenzas a favor. E o favor está de quen ten: quen ten poder militar, económico e cultural. Un poder a quen lle pertencen as ideas. É marxismo básico, xa o sei, mais sabemos tamén quen escribe os libros de historia e en que mans están os medios de formación de masas, as ideas propias dunha época. En que mans están hoxe os medios públicos de difusión cultural, as redes sociais e os inxenios tecnolóxicos do noso mundo é cousa ben sabida.

A estratexia de dominación simbólica sufriu unha transformación histórica profunda. A partir da metade do século XIX, o cientifismo librou unha batalla contra a teoloxía por boca do positivismo rampante. A lexitimidade da orde asimétrica quedou xustificada polas ideas que o colonialismo abandeira: progreso, razón, competencia, mérito, triunfo do máis forte, preguiza e produción. Das carabelas baixou a espada e logo a cruz. Na Europa de catro séculos despois, o canón soou despois de pasar a contabilidade. O sistema tecnocientífico que daquela se estaba a consolidar pariu como unha muller da Obra, a eito. Houbo fillos intelectuais bastardos, pseudos ou paras da movida, que non tiveron peor aceptación ca os bravos fillos da revolución científica.

A función deshumanizadora destas ideas e prácticas tivo o seu arranque na moderna conquista americana, aínda que, convén non esquecelo, esta é unha práctica común e persistente no discorrer histórico desde tempos inmemoriais. En América, os indios eran clasificados como individuos dun grupo biolóxico diferente ao que lle falta un fervor. A indianidade é unha diferenza étnica degradante baixo o marcador radical da diferenza económica. O indio é o pobre despoxado de todos os seus bens. Conta quen pode.

Esta dominancia imperial repetiuse, daquela xa dunha forma máis potente e global, en pleno século XIX, logo de que Darwin formulase a súa hipótese sobre a orixe da diversidade biolóxica baixo o nome de teoría da selección natural. En consonancia co espírito eurocéntrico e imperialista do darwinismo social —forma perversa de aplicar á sociedade o que acontece no plano da bioloxía—, apareceron ramificacións ideolóxicas en diversas áreas, especialmente naquelas que teñen que ver coa orde do sistema social capitalista en plena expansión. A fisioloxía aplicada, á frenoloxía, a antropoloxía criminal, a antropometría e outras formas de categorizacións pseudocientíficas pretenderon atopar signos positivos e obxectivables dunha criminalidade conxénita en determinados trazos étnicos. Este determinismo biolóxico que predicaban semellantes mentes preclaras era unha forma racional de determinismo económico: o pobre carga coa súa propia miseria e coa súa propia culpa. No fondo, trátase non só de xustificar o expolio e a dominación nas terras da colonia, senón tamén de lexitimar estratexias liberais alleas a valores solidarios. Non é o Estado quen debe compensar as desigualdades que nacen de causas biolóxicas, étnicas ou sinxelamente individuais. Cada quen coa súa culpa, cada quen co seu propio mérito.

Un exemplo disto atópase no uso propagandístico do nacionalsocialismo alemán, que vislumbrou o poder psicopolítico do cine, levado logo á televisión como modo masivo de comunicación política. O mesmo control búscase na imaxe que traio hoxe, que corresponde a unha foto tirada en 1910 en Francia. Arriba figura unha anotación clara: Retrato falado. Tomámolo como título dunha clase maxistral e práctica que quizais Alphonse Bertillon, fundador dunha destas vertentes criminalistas, daría a policías da capital francesa.

Vendo os rostros de perfil dos policías en primeiro plano, superpostos ao taboleiro tipolóxico de rostros criminais, non podo evitar unha pregunta: non sentirían eles mesmos unha sensación incómoda ao observar o seu propio parecido con algún dos rostros malvados? Eu non podo evitar a comparación. Non sabería distinguir, a menos que eu fose o que tivese que distinguir. Aí quizais cambiarían as tornas. No fondo, trátase de saber que lugar ocupas nos grupos sociais e que parcela de poder físico e simbólico posúes. Para min, as verdadeiras diferenzas están no vestiario, e non tanto nos trazos fisiolóxicos ou faciais. En xeral, parécenme persoas menos elegantes, peor vestidas, máis desaliñadas.

Son teorías que serven para medir, taxar, estruturar, dividir, clasificar e segregar. Límites, zonas de separación. Un panel con rostros, frontais e de perfís; outro con abreviaturas que permitan cubrir un cuestionario rápido, conciso e exacto do delincuente. Medir cranios, orellas, pés e caixa torácica como praxe de asepsia social e control a través de ferramentas automatizadas e integradas. Vénseme á memoria unha imaxe pasada que busco na rede: un documento contable do barco escravista Brookes. Esa é a simplificación absoluta. Tanto como a que se fai dunha persoa ao trazar os trazos dunha criminalidade conxénita estampada no corpo, tal como hoxe fai o recoñecemento biométrico das máquinas. Aprenden a ver e a actuar como pura extensión, case coma un tentáculo.

Na imaxe a deshumanización é total. Evito as cifras da ignominia (a outra cara dos cálculos) e a degradación moral, o postcálculo. Pero houbo soberbia, orgullo de quen desafiaba o reto da capacidade e do volume con corpos desprovistos de toda indivdualidade, de peso existencial, de dignidade. Trátase de superar os retos técnicos que a empresa colonial e imperial esixe e anceiar as metas dunha produtividade escalable en simples cifras que abranga o real baixo a categoría de materia prima, man de obra e tempo de produción, en contabilidade cifrada co discorrer do tempo. Sempre hai unha “solución final” para un problema moral e político, sexa na Alemaña nazi, nos Estados Unidos de América, no Salvador de Bukele ou mesmo en Europa. Temos noticias dos problemas que as persoas pobres causaron na Grecia Clásica. A teoloxía astral platónica, concebida como un sistema de órbitas circulares perfectas, naceu como xustificación ideolóxica da orde social e política que encarnaba a aristocrática. A solución final foi aquí unha solución astral. Se no reino celeste hai unha intelixencia e un fin, no eido social, copia imperfecta do modelo intelixible, cómpre un plan intelixente, unha orde de clase que se esconde en razóns, en cálculos que separan e que converten o humano nun problema de xestión.










Comentarios