Pelegrina. Sigüenza. Castilla La Mancha.
Molina de Aragón. CLM.
Molina de Aragón, Molina de Los Caballeros, Molina de los Condes... son tres nomes que recibe esta fermosa e memorial vila do señor de Molina, coroada por un maxestuoso castelo, hoxe en obras, a cuxo pé se acobilla a vila antiga atravesada polo río Gallo. A vila está encravada no Parque Natural do Alto Texo e conecta co serranía de Cuenca e os Montes Universais. Un tesouro paisaxístico, botánico, ornitolóxico e arquitectónico.
Sigüenza. Ademais do valor histórico e arquitectónico do seu barrio medieval, conta como atractivo cun pequeno museo situado na Plazuela de la Cárcel, sede do Centro de Arte La Plazuela, no que se alberga unha pequena mostra da colección de obras de arte e obxectos atopados de Antonio Pérez, natural desta vila. Conta cunha pequena colección permanente (Millares, Saura, Canogar, Feito, Equipo Crónica...), unha pequena saliña denominada Gabinete de Antonio Pérez ou cuarto de curiosidades, reflexo da paixón coleccionista do coeditor de Ruedo Ibérico, e unha sala adicada a exposicións temporais.
Medinaceli. A percepción que tiven foi a de estar diante dun pobo pantasma, quizáis por non telo visitado en temporada alta. O enclave desta vila é excepcional. Estamos na provincia de Soria.
Parque Natural Barranco do Río Dulce. Andaina que parte da localidade Pelegrina e que ten como nome Hoz de Pelegrina. Pódese acceder por un camiño estreito de subida até a Fervenza de Gollorio. A nota culturalmente curiosa é que aquí foi onde Félix Rodríguez de la Fuente gravou numerosos capítulos da mítica serie El Hombre y la Tierra.
A poucos quilómetros de Molina de Aragón, en Corduente, comeza unha ruta circular que nos sube aos miradores da serra desde os que podemos admirar as formacións karsticas erguidas sobre a canle do río Gallo e que nos leva até o Santuario de la Virgen de la Hoz.
Seguindo a estrada que nos trae a Corduente, imos subindo por unha estrada panorámica até o Mirador do Texo e completando unha especie de ruta circular que nos devolve a Molina.
Comentarios
Publicar un comentario