
O pasado mes de xullo fixemos unha longa viaxe en furgoneta que nos levou a Bilbao, Albi, Venecia, Eslovenia, Austria, Zúrich, Lyon, Tarragona e Ponferrada. Durante tres semanas visitamos paisaxes, museos e persoas amigas neste intenso tour que tivo como penúltima escala Tarragona, onde fomos acollidos por César Reglero e Isabel Jover e á cuxa hospitalidade se sumou con fanatismo Myriam Mercader, xs tres de Roda de Bará.
Alí pasamos dúas noites e tivemos tempo de conversar de arte e das nosas domésticas preocupacións dentro e fóra dunha piscina reparadora de tan abafante calor. Mais tamén tivemos a fortuna de ser testemuñas privilexiadas dunha exhibición privada e comentada dunha excepcional parella humanista e artística. Con calma matutina, logo do almorzo, baixamos primeiro ao taller de César e logo ao de Isa. César Reglero continúa co seu labor divulgativo e investigador do artecorreismo, da poesía visoexperimental e rodeado de libros de artista nos que leva traballando disciplinadamente desde hai máis de dúas décadas de forma destramente compulsiva. O seu gran proxecto artístico é unha gran enciclopedia de libros de artista en constante desenvolvemento denominado Prensa Gráfica Obsesiva.
Myriam Mercader Varela é unha muller sumamente entusiasta, curiosa, enérxica e creativa que naceu e se criou no Uruguai e residiu en Miami antes de chegar a España. Os seus apelidos delatan a orixe peninsular. Escritora, ensaista, poeta visual e mailartista. O seu recente proxecto, en colaboración con César e Isabel foi Mírame, revista de poesía visual e experimental. Esta especie de antoloxía por xéneros e entregas foi recompilada pola editorial Babilonia de Valencia en forma de libro con motivo da última xira europea do artecorreista xaponés Ryosuke Cohen e da súa compañeira Noriko.
Nota: as imaxes, excepto a primeira, de factura propia, foron extraídas das webs de referencia dxs autores cos seus respectivos enlaces.

Comentarios
Publicar un comentario