Ramón Caride Ogando é unha persoa moi especial para min. É un vello compañeiro de profesión co que acabei tendo unha estreita relación fraternal. Compartimos numerosas experiencias educativas e creativas como integrantes da Santa Compaña do instituto Ramón Cabanillas de Cambados. Estas notiñas forman parte tamén do contido do catálogo da exposición.
Cosega, Corporación Semiótica Galega, Luilli, Lois Magariños, gilmagarinos, Lois Gil Magariños, AD HOC etcétera. Os nomes son moitos e a obra diversa, mais sempre é recoñecible, ou familiar se me apurades. Sempre está aí a súa ironía, a súa ollada certeira sobre os males do noso tempo, a súa reciclaxe certeira das iconas publicitarias que nos abafan, a súa orixinalide e a súa frescura. Podiamos seguir, mais non é preciso: as imaxes de Lois falan elas soas, ou berran, o mellor é non estorbalas. E nós temos a sorte de telas, moitas xuntas e moi boas, estes días en Cambados.
Toda re-capitulación vén sendo unha re-creación, e isto nunca é tan certo coma neste caso. Por moito que Lois fale desta mostra como a primeira –ou segunda se contamos a da facultade de Filosofía- dunha triloxía que retorna aos espazos laborais/ escenarios vitais da traxectoria do autor (Cambados, Caldas e Padrón), para revisar o seu extenso -e intenso- material plástico. Unha faceta máis, e non a menos importante, deste home-orquestra ou artista-todoterreo que é LGM. O certo é que o sinxelo acto de pousar a súa ollada -e o sentimento- sobre o camiño andado e as pegadas que foi deixando nel, lévalle inevitablemente a recreala, engadindo tamén, neste caso, a textura impagable da obra física (poemas-obxecto, colaxes e tamén pintura) á súa coñecida, e re-coñecida faceta dixital. Nas súas propias verbas: “Faime especial ilusión expoñer esta obra nova porque é a que mellor reflexa o meu modo de existencia e a miña metodoloxía creativa (ou a falta dela): impulsiva, improvisada, visceral, e sempre compartida”. Unha sorte que isto sexa, outra vez, no Pazo Torrado, no ronsel de outros cambadeses ilustres como Lino Silva ou Saúl Otero. Correspóndenos, logo, facer algo sinxelo: deleitarnos coa súa obra, agradecerlle a súa amizade e o seu traballo; e desexar que a súa cabesiña non pare. Que non ha parar aquí tampouco. Seguro que non. Xa veredes.
Comentarios
Publicar un comentario