Primeira soldadura


Hai case tres décadas que atopei unhas letras metálicas guindadas na parte traseira dun local comercial en Pontecesures. Aparte do meu interese pola tipografía e o seu valor plástico, non tiven moi claro que tipo de utilidade poderían ter estas cinco letras metálicas. O certo é que fixen unha gran mudanza e tróuxenas comigo a Rois e aquí levan xa vinte anos gardadas. Finalmente, acheguéime hai uns días ao taller de Desigual en Carcacía coa intención de aproveitarme do coñecemento e da paciencia de Tito Sánchez para que me iniciara na práctica da soldadura. A pesar da falta de destreza propia dun recén iniciado nesta técnica ninguén pode quitarme a satisfacción de ter cumprido este vello desexo de dar nova forma a estes retallos de lixo. Podería dicir que nalgunhas cousas son perseverante, nas inútiles sobretodo.


 


Comentarios