Preme na imaxe para acceder á galería

Exemplos de simetría hainos en todo, na plano macro e no micro, nos reinos do orgánico e inorgánico, vexetal e animal, biolóxico e cultural, en todos os seus niveis e nas súas variadas formas, por canto é o ollo-cerebro humano quen os revela, quen os fai explícitos: no simbólico e no material, no tecno-científico e no artístico, na xeometría e na literatura, na música e na arquitectura…
Xa no campo da poesía, as letras e as palabras, espidas ou non tanto, no seu valor puramente formal, como simples caracteres tipográficos, foron e seguen sendo empregadas nunha procura onde a semántica queda reducida á súa mínima expresión. Xogos de linguaxe, mais xogos visuais, onde aparecen figuras dispostas nun espazo compositivo, tal como se fose un cadro.
As composicións que aquí se recollen teñen a desgraza de ser construídas de modo manual a partir dunha rudimentaria, acumulativa e prosaica simetría ignorante dos algoritmos. Tras elas, con todo, latexa o desexo de buscar unha beleza mínima necesaria e atopar unha forma evasiva de control.
Hai que advertir que algunha destas figuras producen ilusións ópticas ao estilo das coñecidas configuracións da escola alemá da Gestalt; outras, fenómenos perceptivos semellantes aos das figuras fractaless para as cales é necesario poñer en práctica unha técnica de visionado descentrado que nós denominaremos “mirar ao parvo”. Esa foi e segue sendo a nosa pouco elevada intención, o miradoiro desde onde contemplamos o mundo. Calcetamos sempre baixo a tormenta.
Comentarios
Publicar un comentario