TODO FLÚE NAS RIBEIRAS DO SEIXAL


BARRANQUISMO NA ILHA DA MADEIRA / PORTUGAL

26 abril – 3 maio de 2025

Poucas veces vivín unha experiencia tan intensa como esta que veño de gozar (e sufrir, dito tamén de paso) en Madeira con este marabilloso grupo. Nunca me imaxinaba verme en situación semellante, colgado dunha corda a tal altura e vencendo a vertixe provocada pola caída atronadora e enérxica da auga. 
Pero estiven alí, como os demais, acompañado tamén polos meus medos. Ben coidado, iso si, por todxs. Porque a virtude destas ocasións extremas é o coidado do equipo. E nunca estiven en tan boas mans. Tres das nove persoas son profesionais e non obstante apaixonados deste deporte, desta forma de vida: Javier Gil Terrón , responsable de Expediciona, Laso Shaller, atleta extremo suízo e Julián Pozo, garda civil do GREIM. Coa excepción de Tito Desigual, implicado tamén nas tarefas de soporte técnico barranculinario, xs demais fomos deixándonos levar pola corrente positiva humana e natural na que nos vimos envoltxs: Edu, Toñi, Raquel, Xema e un servidor como paquete. E levados quere dicir elevados, concentradxs e atentxs, excitadxs e cautxs, áxiles e fortes, cohesionadxs e un punto destemidos. A cousa non deixa de ter o seu mérito por moito que nos poñamos serios. Teno e moito, por ese aquel de desafío, de reto persoal e de aprendizaxe compartida.


O programa de actividades foi apertado pero a dinámica do grupo foi excelente por colaborativa e ben intencionada. A parte deportiva ocupou boa parte do tempo de estancia, pero tamén hai que mencionar a parte digamos loxística: cociña, limpeza e secado de material e outras tarefas menores distribuídas e executadas baixo a dirección de Javi. Tito, como se mira na foto, encargóuse materialmente de facer o xantar. En convivencia, sobresaínte xeral. En cociña, matrícula.

 
Cinco barrancos para seis días non son moco de pavo, ou iso me parece a min. E tan só un deles, o primeiro, de quecemento, por dicilo dalgún modo. O resto, por veces de infarto (falo co fígado). Vaiamos, pois, con esta brevísima e subxectivísima memoria:

27042025. Voltas dá Matilde (V3A2II)1. Corenta minutos de aproximación en pendente pronunciada e cunha duración do descenso de dúas horas e media, aproximadamente. Boas sensacións, bonitos día, chiringuito, ron e cervexa. Comeza unha bonita historia que podería malograrse de seguir cos chupiños de ron do Tío Lele do Seixal.


28042025. Ribeira da Hortelâ inferior (V4A2II). Crece a dificultade. Acontece a pre-ocupación, os temores mentais. Non podo evitar o obstinado pensamento da verticalidade, o pavor ao baleiro, á caída. Javi anota no caderno de barrancos que este foi o meu desvirgamento vertical (por partida dobre). Á parte da vigorosa e longa aproximación, espérame como punto de arranque un rappel de 49 metros cun fraccionamento a 7 metros da cabeceira. E máis adiante outro de 60, co fraccionamento así mesmo aos 10 metros. A palabra frac-cio-na-men-to nunca cobrara tanta envergadura conceptual e emocional desde a primeira vez que a escoitei por boca de Javi ao recomendar ao “equipo galego” en particular e aos demais en xeral a súa práctica antes de chegar á illa. 

Así que... fracciónome de modo obrigado e baixo a tutela de Javi e fraccionareime tamén ao abrigo de Laso e a súa feliz sentenza: no problema. Pois iso, creo beatamente nela e descendo como podo, envolvido nunha atmosfera húmida e tensa que de calquera modo ou me fai feliz ou ou me acelera todo ou ambas cousas á vez. 

De retirada, e sen que reparara con anterioridade, lembrei a bolsiña que levaba no peto do peito cunhas letras de madeira que tiña pensado empregar nunha acción digamos inútil na parte alta do río. Foi no curso medio, nun remanso moi próximo ao punto de encontro final. Deixo aquí o vídeo que gravou Tito.
29042025. Pedra Branca (V3A2II). Como non podía ser doutro xeito, comezamos cun rappel de 50 e fraccionamento de 4 metros. Por veces, de noite, nos intres da ensoñación, represéntome camiñando cara ao punto de caída. A mente non atende a razóns. Sométese á pura emoción dun medo correúdo que se anticipa e persiste. Non podo por menos de expresalo sen filtro no almorzo da mañá. Ao redor da mesa non podo evitar tampouco sentirme culpable por chamar a atención do grupo e temer debilitar os lazos. No grupo hai cohesión. Sabe perfectamente que cousa ten entre mans, pero hai un ser fráxil e dubitativo que suxire que mellor sería vivir como turista convencional esta experiencia insular. Cámara de fotos, bermudas e camisa serían suficiente. Pero non, aquí almorzan persoas rudas e misántropas, de barba pechada e calzóns longos, verdadeiros pioneiros. Por iso rin as miñas grazas e seguen coidando de min, pioneiros bondadosos. Finalizamos no mar, cun penúltimo (aquí nunca hai un último) fraccionamento e un belo e confiado rappel de 27 metros. O tempo, igual ca min, cambia continuamente de estado de ánimo, ora feliz e pleno ora preocupado e neboento.



30042025. Ribeira Funda (V4A2II). Javi anota: entrada ao gran buraco negro. Black Hole. E a continuación: aquí, un pouquiño de medo. Refírese en concreto á entrada do barranco, cun rappel de 55 metros aos que hai que sumar 12 máis de fraccionamento. Aquí volvo partirme en dous, como diría Silvio Rodríguez, e de modo bipolar gozo dunha natureza extremadamente bela e indómita nas pequenas doses nas que se distribúe o caudal ata chegar ao final do seu curso,no mesmo mar, cun descenso de 22 metros. Somos ríos que van dar ao mar. We are water, my friend.



  
01052025. Andaina Caldeirâo Verde
Debido ás condicións climatolóxicas o coordinador da expedición decide suspender a actividade prevista e para non quedar encerrados en casa todo o día achegámonos ao momento de arranque deste bonita pero concorrida levada. Interrompemos finalmente o camiño por causa da pertinaz choiva (nótese NODO).

02052025. Passo Inferior (V4A2II)
O primeiro recordo que teño deste último barranco é a inconmensurable forza da auga e a súa estrepitosa caída. Javi anota tamén: aquí gozaches moito! Non sei se declararme confiado ou, se acaso, facer como aquel sincero crente que non oculta a súa dúbida, a súa indecisión. Se fose literatura o que vén ao caso e o azar me outorgase o incómodo papel de protagonista non me quedaría máis opción que ser o heroe á forza, o indeciso e medorento home que acaba situándose incomprensible e absurdamente nun lugar central do relato. Este foi o meu momento, o meu prime time onanista. E é que a forza da circunstancia obrigoume a executar un dificultoso fraccionamento con certa tranquilidade (parece que foi aparente aos ollos do amigo Javi) e, en consecuencia, a gozar dunha pendente total de 59 metros. Nunca tal cousa se viu por esta paisaxe íntima que, sesentón, habito. Para evitar o contacto co potente chorro da fervenza, os capos deciden guiar o rappel desde abaixo. Debido á duración e tamén ao esforzo despregado nesta baixada en pedregal esvaradío e frío finalizo esgotado. Por iso opto finalmente por desfraccionarme na espetada da madeira e inmolarme na queimada de despedida feita de ron. O meu eu medorento e fraco arde en chamas etílicas, en danza ritual. Conxuramos vivamente os medos para que ardan no lume esa mesma noite. A louca alegría, por fin, é vida e memoria compartida. E nunca haberá unha última vez até que chegue. 






Comentarios