Contra ALTRI en Compostela


O pasado domingo, 15 de decembro, tivo lugar en Compostela a terceira grande acción reivindicativa contra o proxecto de instalación da macro factoría de celulosa Altri que unha corporación empresarial portuguesa quere instalar en Palas de Rei, provincia de Lugo, co apoio incondicional do goberno galego e do Partido Popular.

É difícil precisar o número de manifestantes xa que entre as cifras de referencia hai un abismo: entre cen mil, segundo a organización e corenta mil, segundo a policia local. A sensación xeneralizada foi que estabamos diante dunha das manis máis importantes da nosa historia recente e que o clamor cívico era semellante á do desastre do Prestixe. No caso do Prestige fomos testemuños visuais directos do afundimento e da marea negra; aquí non hai imaxes do desastre que virá, só puntos cegos e distorsións propagandísticas mentres as hábiles estratexias do grupo empresarial se van impoñendo a través do abuso, de modo silencioso e perseverante. Por esta reivindicación multitudinaria foi un auténtico éxito;  fica a esperanza de que é posible reaccionar antes de que suframos outra volta as consecuencias do descaro político e económico con que actúa esta elite poderosa, dentro e fóra da nosa terra.

En todo caso, comprobamos tamén como a sociedade civil se organizou e participou activamente na difusión das mensaxes críticas nas que non faltou tampouco a ironía e o sarcasmo. Nós, o noso singular colectivo ad hoc, propuxemos unha acción parada que executamos na beirarrúa da Senra, á saída da Alameda, de onde partiu a manifestación.

Esta acción tivo tres fases:

1. Intensa choiva de ideas.


A proposta pola que finalmente apostamos incorporaba o valor engadido do colectivo. Tratábase de formar un grupo de alomenos 32 persoas. O número correspóndese ao número de letras necesarias para formar unha serie variada de lemas, nacidos da combinación dos caracteres que compoñen cinco palabras-eixe que xurdiron da treboada de ideas:

  • Altri non
  • Mafia
  • Loita
  • Mentira
  • SOS Ulla

As letras  que elaboramos correspóndense á seguinte relación, figurando entre paréntese o número de unidades:

A (6) – L (4) – T (3) – R (2) – I (4) N (3) – O (3) – M (2) – F (1) – E (1) – S (2) – U (1)

Os lemas: (o número indica as persoas necesarias para soster o panel e formar a combinación significativa)

7

SOS ULLA

8

MAFIA NON

SOS MAFIA

FIN ULLOA

MÁTANNOS

TERRA SOS

9

NON Á MAFIA

NON AO TIMO

LOITA ULLA

NON AO LUME

FIN Á RUÍNA

FIN AROUSA

10

RIO EN LOITA

ALERTA ULLA

LOITA TERRA

ALTRI ATUFA

MENTIRA NON

RUÍNA DE MORTE

TUFO E RUÍNA

11

UNIÓN E LOITA

FIN Á MENTIRA

MALTRATO RÍO(A)

MAFIA E RUÍNA

A RÍA EN LOITA

MENTIRAS NON

12

ULLOA EN LOITA

TRAUMA E RUÍNA

RUÍNA E MORTE

ALTRI É UN TIMO

MENTIRA FATAL

13

MAFIA ALTRI NON

RUÍNA MORTE FIN

AROUSA EN LOITA

ATUFA A MENTIRA

MENTIRA E RUÍNA

14

MANTRA ALTRI NON

ALTRI MATA O ULLA

15

NON MÁIS MENTIRAS

TERRA, NON MENTIRA

ALTRI MATA A TERRA

ALTRI MATA A ULLOA

16

AS MENTIRAS ATUFAN

2. Elaboración dos materiais e proba.

Canto á proposta dos materiais tivemos en conta o peso, o tamaño, o tipo e o prezo. As circunstancias poderían chegar a ser: a choiva, o excesivo peso para manter en alto os paneis e o número de persoas.

Decantámonos polo contra chapado de 3 mm cuberta de melamina branca. O prezo rondou os 70 euros. As chapas foron cortadas no taller e pintadas en negro con pistola industrial usando plantillas previamente elaboradas, primeiro en papel e logo en cartón.

O sábado 14 fixemos unha proba  tan só con oito ou nove persoas.

A dinámica da acción, xa no domingo, obrigóunos a utilizar un carriño da compra para levar os paneis e poder organizar do mellor modo posible a dinámica para que fora o menos caótica posible. Portamos tamén un caderno con todos os lemas e o número de persoas necesarias para a combinación. Así mesmo, sumamos as dúas cruces de eucalipto á acción.

3. Execución dinámica.

Chegamos coa idea de integrarnos na manifestación para chegar á Praza do Obradoiro, mais consideramos finalmente que era mellor desenvolver a acción á beira da estrada co obxecto de ter máis visibilidade e evitar o caos que a acción en movemento puidera chegar a ter.










A cantidade de executantes foi variable, xa que se incorporaron varias persoas no transcurso da manifestación, pero o número máximo foi de dezaséis persoas erguendo as letras, dúas sostendo as cruces, unha encargada de ir suministrando as letras e outra exercendo o papel de animador.

A acción parada rematou cando pasaron os grupos de cola e sumámonos facendo o percorrido completo até chegar á fachada da Catedral, onde colocamos temporalmente as dúas cruces, pouco antes de que rematase definitivamente a masiva concentración.



 

Comentarios