3 artecorreistas americanos e León Ferrari

 Vai tarde, pero non me resisto a publicar estas fotos que recollo do meu arquivo fotográfico persoal e que teñen a ver coa viaxe realizada a Arxentina e Uruguai o verán pasado. Unha viaxe de pracer e descubrimento que incluíu tres visitas ineludibles a camaradas artecorreistas cos que mantiven unha relación epistolar máis ou menos intensa, máis ou menos dilatada no tempo. Pero a nosa visita a Baires coincidiu tamén coa exposición do maxistral León Ferrari, exemplo de coherencia plástica e política nun tempo de sombras e medo, que engadiu maior interese a esta exploración urbana chea de historia, tamén familiar. 

Logo dun tour que nos levou ao Norte, a un tiro da fronteira con Bolivia, de volta á capital, fixemos parada e fonda en Junín, xa na provincia de Bos Aires, para visitar Hotel Dadá e para gozar da hospitalidade de Ana Montenegro e de Silvio de Gracia, unha parella creativa e entrañable que se adica en corpo e alma á poesía experimental e á arte correo.
E de Junín a Baires, pasando por Calafate e Ushuaia, e finalmente a Montevideo, para visitar ao mestre Clemente Padín para conversar e devolver a visita que nos fixo el hai anos. Teño que recoñecer que foi a visita con máis valor emotivo, tanto polo que representa na historia das vangardas poéticas como pola especial significación humana e persoal que ten para min.
Finalmente, a noite antes do noso regreso a España, non puiden resistir a tentación de visitar o estudo e arquivo de Fernando Delgado / Vórtice Argentina, unha persoa moi afectuosa e entregada con auténtica paixón a este curioso mundo da poesía experimental e da arte correo .




Comentarios