Obradoiro de soundpaiting en Compostela

 
O soundpainting é unha linguaxe xestual creada polo compositor estadounidense Walter Thompson que permite dirixir composicións en directo mediante máis de 1.500 signos codificados. Música, danza, teatro, poesía, artes visuais e performance conviven nun proceso de creación colectiva no que a improvisación, a escoita e a colaboración son as protagonistas.

Durante tres días, tiven a fortuna de ter participado nesta experiencia creativa inusual e tremendamente formativa, na Sede da SGAE de Santiago. 

Os talleres estiveron dirixidos po Eric Chapelle, Johan Sabbe, Angélique Cormier e Xacobe Martínez Antelo, referentes internacionais do soundpainting. Pero foi Xacobe o verdadeiro anfitrión do evento e quen acolleu con xenerosa hospitalidade e cariño a unha manchea de persoas formadas na linguaxe musical dos instrumentos e voces, da danza e da poesía para crear unha comunidade artística ad hoc sinérxicamente liberadora. Non en van a Orchestra Galega de Liberación foi quen deu pulo a este ciclo de obradoiros e concertos que tiveron como espazo a propia sede da SGAE, a Casa das Crechas, a Borriquita de Belém, o café Camalea e, por último e a modo de peche, na Casa das Máquinas.

Que podo dicir desta primeira experiencia dunha persoa coma min, formada no autodidactismo en compañía dos amigos de Ad hoc pero sen formación académica en ningún xénero creativo de carácter musical? 

O primeiro que teño que recoñecer é a sorpresa xenerada pola decisión de admitir a persoas sen formación algunha. Creo que o reto é tanto para aquel que ten que coordinar unha acción musical conxunta e improvisada con xente de tan contrastado nivel con outra que pouco ou nada sabe. 
O soundpainting, nacido en USA a finais dos setenta, incorporou músicos que improvisaban en tempo real e máis tarde foronselle engadindo creativos de diferente tipo: actores, bailaríns e artistas visuais.
No sinxelo formulario de inscrición ocorréuseme engadir a poesía e o corpo como habilidades que podía incorporar ao grupo, sen saber realmente cal era a natureza específica deste sistema de signos directivos dirixidos á improvisación. 

Preparei con moita ilusión a miña maleta de performance, xuntando os trebellos necesarios para desenvolver tres accións, unha en cada día de taller. O pesado caixón de madeira que me acompaña neste tipo de actos desenvolvidos en compañía dos membros de ad hoc, vai cargado cunha carpeta de anuncios publicitarios de revistas, letras recortadas de vallas publicitarias que compoñen a frase "Nada na abundancia", un conxunto de bolsas de Zara para cubrir o rostro das persoas que executan os instrumentos e algún caderno de poemas. 
Tamén considero como parte do plan a realización da acción Poema Biolento, pero os seus elementos quedan recollidos e á espera no meu propio taller, á espera de experimentar a dinámica e as posibilidades que teño dentro dela. Posibilidades que acabo loxicamente por descartar.

A dinámica é forte e solidariamente colectiva. Participar nunha orchestra deste tipo non require personalismos. O individuo é unha peza máis deste puzzle azarosamente dirixido. Por iso fun adaptando as expectativas dunha persoa ignorante ás posibilidades da miña contribución ao grupo. 
E unha das primeiras sensacións que experimentei foi a de considerarme como intruso ao pouco de ver os grandes músicos que acudían a esta cita, xente do jazz e da música convencional que buscan novos camiños, actores e cantantes de traxectoria profesional e basta experiencia persoal que acoden a un espazo colaborativo e seguro onde sempre teñen cabida. Pero eu pensaba inicialmente que non, que estaba no inicio nun lugar propicio para a vulnerabilidade por non ser músico nin actor nin poeta nin bailarín. Quizais artista visual. Si, levo anos coas imaxes a voltas, pero non adiviñaba como integrar os meus recursos a unha cousa como esta.

Foi Angélic Cormier, unha das directoras dos obradoiros, quen se presentou como especialista en artes visuais. Agardaba que fora ela quen puxera luz ás miñas inquedanzas mentres poñía todo o meu empeño en aprender os signos básicos de dirección para ir pasando os exercicios do primeiro día. 
A medida que ía pasando o tempo e que a paciencia e espírito construtivo dos diferentes directores ía surtindo efecto, as intervencións foron xa máis espontáneas e tranquilas. No grupo no que me integraron compartín sesión con músicos máis, tamén cunha poeta coa que me sentín identificado xa que logo pola súa indeterminación á hora de definirse como cantante ou poeta ou artista visual. 

O máis doado para min foi acabar decantándome (nunca mellor dito) por desempeñar o rol de cantante, máis por descarte que por convicción. Por veces, chegaba a confundir o meu rol e convertíame nunha especie de actor sentado ao declamar e cantar incluso os eslógans publicitarios que tiraba da miña carteira. Creo que este xiro engadía ao grupo unha atmosfera interesante, entre crítica e absurda a un tempo. 

E así foron progresando os tres días e as sesións rotatorias cos tres directores que se complementaban cunha sesión final en grupo. Neste caso a experiencia era máis intensa, sobre todo cando os directores daban paso ás pasaxes onde as individualidades fluían en ondas sinérxicas emocionadas. 

E no terceiro día, logo dunha previa sesión matinal, chegou a hora do concerto diurno diante do público que aos poucos se foi arremuiñando na Casa das Máquinas. As ausencias foron notables, sobre todo no meu grupo. E por iso contamos coa inestimable axuda dalgún membro da Orquesta Galega de Liberación, dous metais, unha guitarra e un percusionista especial, Lar Legido. Como cantantes, a poeta Lorena Souto e máis eu. 

Evidentemente, o medo escénico foi facendo oco pola falta de habilidades, estratexias e experiencia que eu botaba de menos. Non cabe dúbida que non facía nada alí. Mais non había outra opción. Nestes casos parece espertar un instinto de supervivencia que converte a necesidade en algo parecido a unha desdebuxada virtude. O caso é que, baixo a man de Angélic, é Lorena quen inicia a actividade do grupo. Fala ou quizáis canta. Repite unha frase ou quizáis un verso. Fala dunha casa no aire. E repite a frase e repite o verso de modo hipnótico baixo a mirada da directora. E eu mirando a directora e a ela de reollo, inquedo e tenso, agardando a miña propia e reactiva sorpresa. E rompo a berrar e repito o berro como se cantara e subo a voz e subo o tono canda a cómplice mirada da directora porentre o tempo conxelado dunha sala calada e expectante. Cando entran os instrumentos o organismo desespreguízase arreo, vai latexando nervioso pero distribúese o peso, remárcase o coral e esvaécense as voces. 

Ao cabo de todo baixamos para a actuación final, belamente coral e engadimos elementos visuais que poñemos en movimento e acollidos polos acordes instrumentais da orchestra que neste momento respira como un animal ceibo.

Rematamos. Parabéns e cañas no bar de enfronte. Apertas e desexos de volvernos a ver outra vez.



Comentarios