Ben, como se poderá observar a foto non está alterada. Reproduzo fielmente a estampa que visualicei e descarguei despois do arquivo da Biblioteca do Congreso dos EEUU. Hai algo que me chama a falar. Non é a única, claro está. O Arquivo está composto por numerosísimas fotografías que documentan a historia interna y exterior deste país. Del chegáronnos os arquetipos dos westerns mais tamén o espírito de rebeldía nas formas variadas de rock and roll. O entrañable poeta experimental Nicanor Parra definía con ironía a EEUU como o único país onde a liberdade era unha estatua.
A fotografía ten máis dun século e foi tirada en Nova Iorque. Consulto en gpt e dáme o dato :
Trátase, por tanto, dunha escena moi lambona para calquer xornalista. Membros dunha adiñeirada e distinguida familia saen dun templo relixioso onde se ten celebrada a cerimonia funeraria do pater ultrarrico e ultrapoderoso Rockefeller, membro así mesmo dunha elite social autosegregada polos seus excesos clasistas. Nada hai nas imaxes dos homes que nos leven a preguntas. A súa vestimenta, o particular sombreiro, o seu andar.. son arquetipos saturados do rigurosa hipocresía que cultiva o poder. Protéxense da masa e dos medios visuais, para conservar a súa condición de foráneos, de seres alleados e distantes dun olimpo semiterreal.
E elas? Onde están? En que ámbito se moven? Por onde transitan as súas ansias? Polo de pronto, os seus rostros están ocultos á mirada e ao escrutinio do social. Non obstante, esta ocultación engrandece a súa presenza simbólica, por indeterminación, por evocación rutilante, tal como un ambíguo binomio envolto do divino e do terreal, de aparición e da ausencia, de carne e da distancia. A primeira muller transita encapsulada dun espazo alleo a outro. A cidade é un túnel que comunica o seu pazo, a súa cámara real, co templo, os seus dominios paralelos. E tras dela asoman á intemperie dous sacos vitelinos bípedos escuros en descenso. Como se chovera a caldeiros.
Nas fotos populares hai acumulacións. A xente ule, transpira, dá voces, xesticula, fala, berra, mira. Nas da distinción hai ocos, hai profundidade, trázanse as perspectivas. A luz pertence a quen a reclama e se xustifica. Os focos apuntan aos poucos, aos que quixeron separarse para impoñer unha voz. Foron a primeira estirpe do reclamo. O espello sublimado da masa no que nos queremos ver.
O reducido grupo de persoas da foto loce un loito eduardiano severo ou primeiro loito. A viso-invisibilidade fundamental correspóndelle ao burka, marca distintiva inaugural do supremachismo e de todos os seus derivados. Nel se concentra a forza simbólica da foto.
Comentarios
Publicar un comentario