PROFUNDO SUPERFICIAL en Seira



POEMA PROFUNDO / Lois Gil Magariños.

Land Art Seira. Bosque da Casa do Bispo, 2021.


A idea PROFUNDO-SUPERFICIAL xurdiu hai tempo, mentres enterraba a última cabra dun pequeno rebaño nun anaco de terra abeirado por carballos preto da nosa casa, no agro do Ribeto. A soedade e a luz amortallada do solpor acentuaban a significación emocional da acción. Foi un deses instantes sublimes e transformadores do meu entendemento e da miña sensibilidade animal.

Intuín a forza poética do que estaba a facer mentres suaba e os meus propio folgos e a pá se adentraban na fonda negrura da terra necesaria para o desveamento. Nun claro do bosque da casa do Bispo de Seira acoden nesta hora de silencio por medio do volume inverso que estou a cavar pensamentos semellantes, quizais agora máis intelectualizados e menos viscerais. O suor aflora a través das glándulas e unha corografía muscular semellante se desprega en compás, himm, himm, himm de folgo e pulmón; xass, xass, xass na pá reveladora onde arde o silencio para ir espindo a terra en fábrica simétrica de aristas, núa cavidade, cunca da preguntas.

acaso unha narración, un relato cronográfico e cronolóxico por capas

 unha poética do fluir incesante e constitutivo no que recoñecerse como mortal

mestura do profundo e do superficial, a propia acción xenera un espazo para a aproximación incómoda, serea e lúcida a carón do horror vacui mais tamén un tempo que flúe en desproporción cara aos xestos dos que afloran sorrisos que mingüen a gravidade e o peso metafísico do silencio compartido, tal como acontece na fase frívola dun velorio que non é.


É esta vivencia do tempo o que á fin dá valor á acción. Esta experiencia de saída da burbulla cotiá e contemporánea na que abafamos: sen incomodos, todo respostas, todo cheo, todo plano, todo si. Transpirar, mirar, escoitar, calar e abrir esta porta inversa como presenza fósil, como estrato da memoria para que fale o misterio e, se acaso, o verbo.


Comentarios