Cartografías



 Estas son tan só dúas probas da miña predisposición natural á evasión e do meu escaso apego a todo o que teña que ver con horarios, mapas e plans. Por veces sorpréndeme facer consciente a miña vida con tan pouco apego á terra. Son de debuxar nos mapas e de ver na topografía das paredes rastros zoomorfos ou rostros humanos en particular. Penso que fun sempre máis de rostros ca de mapas. E máis de ceo ca de reloxo. As caras son unha especial clase de mapas e precísase un cálculo doutra natureza para a súa interpretación. Temos camiños, covas, chairas, outeiros, vagoadas e humedais. Gosto de cambiar a perspectiva, torcer a mirada, mover o foco, para atopar mensaxes cifradas neses debuxos que son rastros de aconteceres, xeolóxicos, climáticos mais tamén emocionais. Antropomorfizar é unha das formas máis arcaicas de identificar, de recoñecer por medio da analoxía, da comparación, da similitude que pode chegar a existir entre ámbitos de realidade diferentes. No acto de nomear hai unha fonda e atávica pulsión creativa, de desvelamento de aquilo que permance oculto á mirada; no acto de debuxar, de dar forma a aquilo que aínda non a ten, hai unha pulsión emocional básica: o xogo.







Comentarios