Land art en Seira 2022

 Durante todo o día do sábado 17 de setembro, baixo o acolledor espazo da carballeira da Casa do Bispo, en Seira, espazo de residencia e creación do magnífico artista Camilo Seira, máis dunha vintena de artistas procedentes de diversos campos creativos participamos no cuarto encontro anual de Land Art. Unha vez máis as experiencias foron numerosas e moi intensas neste evento artístico e festivo que culmina cunha gran cea e unha divertida e variada festa multimedia.

Deixo aquí unha breve descrición das dúas obras que engadín a esta exposición viva e unha sinxela acción que desenvolvín no río Sarela, preto da praia fluvial de Seira, fóra dos marcos da Casa, en compaña dun pequeno grupo de persoas que quixeron acompañarme. Agradecido quedo especialmente a Nita e a Xurxo por me gravar co móbil.

A primeira, Equilibrio inestable, foi unha improvisación matinal logo da exploración de espazos e materiais que precede ao acto propiamente creativo. As bases están feitas de canas secas de bambú extraídas na propia finca. As pedras que as coroan, guindadas no chan quizais formaran parte dalgún valo lindeiro do rego que alimentaba a moa do muíño da casa.


A segunda, que titulei Festa na Carballeira, foi creada tamén pola mañá e completada logo do xantar, tras unha observación máis pausada. Logo de buscar un espazo apropiado para dar realidade á idea, que atopei entre tres maxestuosos carballos, e de limpar o chan para buscar contraste procedín á busca de ramiñas de carballo que puideran ter forma antropomórfica, aínda que fose simplificada. O caso era buscar unha visión de conxunto que tivera dinamismo a partir de pequenos garabullos pinchados no chan. Así de simple. Sen demasiadas pretensións. 

Esta imaxe corresponde á versión incial, matutina.

E esta corresponde á composición definitiva.


Finalmente, contra a tardiña, un pequeno grupo de amigos e veciños creativos acompañóume á ribeira do Sarela, moi preto da finca para asistir e asistirme na acción poética Oda a Heráclito, O Escuro, o filósofo naturalista e a un tempo metafísico que sostiña unha visión mobilista e fugaz do real que, no entanto, estaba suxeito a orden, a razón (a palabra grega logos significa razón, palabra, fala, discurso).

Agradezo especialmente aNita Seco (que foi quen gravou) e Xurxo Guimarey a leal compaña.


 

Comentarios